Discamino converte o Camiño Portugués da Costa nun referente internacional de inclusión en FITUR 2026
Discamino foi un dos grandes protagonistas de FITUR 2026 coa presentación do seu traballo para difundir o feito xacobeo a través do Camiño Portugués da Costa, unha ruta en pleno auxe que o colectivo social vén reivindicando como exemplo de accesibilidade, solidariedade e inclusión.
Desde o ano 2009, Discamino fixo posible que 814 persoas con discapacidade puidesen realizar o Camiño de Santiago, acompañadas por voluntarios e mediante bicicletas adaptadas, demostrando que o espírito xacobeo non entende de límites físicos. O proxecto converteu o Camiño Portugués da Costa nun itinerario referente para un modelo de peregrinación aberto a todas as persoas.
Na presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que a Xunta aposta pola diversificación das rutas xacobeas e subliñou que “o Camiño Portugués da Costa é o que presenta o maior índice de crecemento”, consolidándose como unha alternativa cada vez máis demandada polos peregrinos.
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor o papel de Discamino na proxección social do Camiño e lembrou que “Vigo tamén é Xacobeo”, reclamando unha mellor sinalización urbana para facilitar o paso dos peregrinos pola cidade.
O traballo de Discamino reforza o papel do Camiño Portugués da Costa como unha ruta que une paisaxe, valores humanos e inclusión, situando a Galicia na vangarda dun Xacobeo accesible e comprometido.
