Tomiño

Detido en Tomiño un home de 55 anos por queimar presuntamente unha nave con danos de máis de 150.000 euros

A Garda Civil de Tomiño, en colaboración co Equipo de Investigación da Garda Civil de Tui, detivo a un home de 55 anos, veciño de Tomiño e con antecedentes penais, como presunto autor dun delito de danos tras un incendio ocorrido nunha nave da localidade.

Os feitos remóntanse ao pasado 6 de marzo, cando se declarou un incendio nunha nave situada en Tomiño, moi próxima a unha vivenda, polo que chegou a existir risco para a integridade das persoas que residían nela.

Tras recibir a denuncia do propietario da nave, os axentes iniciaron unha investigación para esclarecer o sucedido. Despois de diversas pescudas, conseguiron identificar ao presunto autor dos feitos, procedendo á súa detención o pasado 10 de marzo.

No interior da nave atopábase un vehículo e diversa maquinaria e ferramentas de traballo, entre elas un compresor, amoladoras, motoserra, desbrozadoras, cortacéspede e taladros, entre outros útiles profesionais. O incendio provocou a destrución total tanto da nave como de todo o seu contido, que quedou completamente calcinado.

Segundo as primeiras estimacións, o valor dos danos ocasionados supera os 150.000 euros.

O detido foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Tui, que decretou a súa liberdade con cargos mentres continúa a investigación.