GondomarVigo

Desmantelado en Gondomar o principal punto de subministro de droga que abastecía narcopisos de Vigo

A Policía Nacional levou a cabo este martes unha operación que puxo fin a un dos enclaves máis relevantes do tráfico de estupefacientes da área metropolitana: unha vivenda de Gondomar que funcionaba como almacén e centro de distribución para varios narcopisos activos en Vigo. O inmoble, discretamente situado e cun movemento de entrada e saída que xa levantara sospeitas, era o lugar desde o que se abastecía parte da droga destinada a puntos de venda ao miúdo na cidade.

No rexistro realizado polos axentes interviñéronse máis de 500 gramos de heroína preparada para a súa distribución, así como distintas cantidades de hachís e unha suma considerable de diñeiro en efectivo, indicios que apuntan á intensidade da actividade criminal que alí se desenvolvía.

A actuación en Gondomar produciuse de maneira simultánea á entrada nun narcopiso da rúa Carmen, en Vigo, que quedou igualmente desarticulado. Con este último peche, son xa 15 os narcopisos clausurados este ano pola comisaría viguesa dentro dunha estratexia continuada para desmantelar a rede de venda de drogas nos barrios da cidade.

Segundo fontes policiais, o operativo permite “golpear a estrutura que nutría estes puntos de menudeo”, reforzando así o control sobre o tráfico de drogas en toda a contorna de Vigo e reducindo a capacidade de subministración das redes que operan na zona.