Desirée Vila, de Gondomar, recibe o Premio Desmarcadas 2025: “Moi feliz de recibir este premio, é moi guai volver a Sevilla”
A atleta gondomareña Desirée Vila foi unha das protagonistas da Gala Desmarcadas 2025, celebrada no Cartuja Center CITE de Sevilla, onde recolleu o seu premio de mans de Agustín Ruiz-Escribano, director territorial de Reale Seguros para Andalucía e Canarias. “Moi feliz de recibir este premio. É moi guai volver a Sevilla. Estou contenta e con ganas de desfrutar desta noite”, confesou emocionada.
O recoñecemento, explicou Vila, “supuxo un agradecemento a todos estes anos de traballo, sacrificio e ás persoas que sempre creron en min”. Recordou tamén os seus comezos no atletismo: “Cando me deron a prótese non me quedou outra: atletismo ou atletismo. Gustoume tanto que decidín quedar”.
A deportista destacou a importancia de dar visibilidade ao deporte paralímpico, que define como “impactante e fermoso”. “Cando a xente ve o atletismo adaptado, engánchase; só falta máis visibilidade e máis apoio”, sinalou.
Vila recoñeceu ademais que unha das cousas máis especiais da súa carreira é recibir mensaxes de persoas que se inspiran na súa historia: “Faime moita ilusión cando me escriben pais, nais ou persoas con discapacidade. Pregúntanme como comezar, contan as súas inquedanzas… É moi bonito sentir que a miña historia pode axudar a outros a atreverse e loitar polos seus soños”.
Recién chegada dun Mundial, a gondomareña xa pensa nos seus próximos retos: o Europeo de xullo e, máis adiante, os Xogos Paralímpicos de Los Ángeles 2028. “Hai que abrir camiño ás que veñen detrás e eliminar prexuízos para que máis xente con discapacidade poida acceder ao deporte”, concluíu con determinación.
