Nigran

Delta Vigo inicia en Nigrán a construción dunha nova factoría aeroespacial con 15 millóns de investimento

O Grupo Delta celebrou esta mañá a colocación simbólica da primeira pedra da súa nova planta de Delta Vigo Aeroestruturas no polígono de Porto do Molle, en Nigrán. O acto contou coa presenza do presidente do grupo, Francisco Puga; o alcalde de Nigrán, Juan González; e o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.

As novas instalacións, que supoñen unha investición de 15 millóns de euros, duplicarán a capacidade produtiva actual da división aeroespacial e albergarán ademais o departamento de I+D+i. A nova fábrica ocupará 10.000 metros cadrados repartidos en dous novos pavillóns, cun prazo estimado de construción dun ano.

Francisco Puga destacou que esta nova planta “é unha mostra do compromiso do Grupo Delta con Galicia e coa área de Vigo”, e forma parte dunha estratexia que leva acumulados 61 millóns de investimento nos últimos oito anos. Ademais, sinalou a importancia desta ampliación para afrontar a crecente demanda internacional no sector aeroespacial, tanto civil como de defensa.

Desde esta nova sede tamén se impulsarán proxectos de innovación como o PEGASO (ala do futuro), CUVICO (fuselaxe do futuro) e ECOMAP, destinado a mellorar a eficiencia na fabricación con materiais compoñentes.

Durante o acto, enterrouse unha cápsula do tempo con xornais do día, planos, deseños técnicos, fotos do persoal e o libro do 75 aniversario da empresa.

O alcalde Juan González salientou que este segundo centro de Delta en Porto do Molle consolida o parque como referente nacional en modernidade, sustentabilidade e deseño urbano, posicionando a Nigrán como “o gran motor económico do sur de Galicia”.

Pola súa banda, David Regades destacou que a aposta de Delta reforza a “soberanía tecnolóxica e industrial de España e Europa”, e reafirma o liderado do parque empresarial de Porto do Molle en sectores clave como o aeroespacial.