BaionaVigo

De iluminador de Baiona a duende do Nadal: Javier Fernández, o home que fixo brillar a vila durante 40 anos

Durante catro décadas, Javier Fernández foi moito máis ca un traballador municipal: foi o home que puxo luz a Baiona, o responsable de que cada rúa, praza e festa lucisen como debían. Agora, xa xubilado, segue fiel á súa paixón, pero dende a súa casa en Zamáns, onde instala cada ano máis de 60.000 luces LED que atraen a veciños e visitantes convertendo o seu xardín nun auténtico conto de Nadal.

Natural de Baiona e fillo dun traballador de Vulcano e dunha veciña que chegou a traballar na fábrica de Puga, Javier comezou no Concello sendo fontaneiro durante o goberno de Chicho. Unha broma laboral levouno a entrar no Concello “temporalmente”… e acabou quedando 40 anos.

Cando se privatizou o servizo de augas, pasou á área de electricidade, onde exerceu como oficial e despois como capataz. Cada día levantábase ás cinco e media da mañá para revisar instalacións por todas as parroquias antes de coordinar ao seu equipo. “Nunca dixen que non a nada, e nada se me puxo por diante”, lembra con orgullo.

A el tamén se lle debe parte da modernización do alumeado público de Baiona, coa implantación das primeiras luces LED durante o mandato de Ángel Rodal. “A primeira zona foi do Rincón de Pepe á Ramallosa, e logo a urbanización Ponte Romano, onde a factura da luz baixou un 90% ao cambiar as bombillas de 125 a 30 vatios”, explica.

Entre a veciñanza chegou a correr o rumor de que, se algún día Javier faltaba, Baiona quedaría ás escuras. El sorrí cando o escoita e desminte esa lenda urbana: “Non, home, hai máis xente preparada. Se hai unha avaría, hai quen a pode arranxar perfectamente”.

Agora, retirado pero incansable, dedica dous meses ao ano á montaxe do seu espectáculo luminoso particular, que inaugura incluso antes que as luces de Vigo. A súa decoración inclúe un gran árbo de 12 metros, unha estrela de 6.000 LED, unha bola 3D de 7.000 luces e diferentes zonas temáticas: a “zen”, a “antártica”, o “bosque animado” e o “sendeiro dos magos”.

“A luz non é só tecnoloxía —di Javier—, é vida, é ilusión, é o que fai sorrir á xente.”

E esa é, sen dúbida, a luz que el deixou acesa en Baiona para sempre. ✨