Gondomar

Da Alfombra de Bowie ao Relativiverso: Juan Bas, Arquitecto de Escenas e Creador de Mundos

Juan Bas é xa un rostro coñecido no Val Miñor. Este ano chamou a atención cunha impresionante alfombra floral coa cara de David Bowie, que tivo unha enorme repercusión tanto a nivel local como nas redes sociais. Mentres falamos con el, unha señora pasa ao noso carón e, sen dubidar, exclama: «Juan, encantoume a alfombra de David Bowie, son moi fan». Ese recoñecemento espontáneo confirma o impacto emocional da súa creación.

O IMPACTO DAS FLORES

¿Como xorde a idea de facer unha alfombra floral con David Bowie como protagonista?

“Busco sempre que a creación dialogue coa sociedade. Bowie representaba a transgresión, o cambio constante. Foi unha homenaxe simbólica.”

🎭 UN ENTROIDO PARA PENSAR

O seu talento para combinar o artístico e o conceptual tamén se fixo notar no Entroido. A Asociación de Carnavales de Mañufe, de Gondomar, coa que colabora, presentou a proposta “Relativiverso”: unha comparsa inspirada na teoría da relatividade de Einstein e na representación do tempo nos reloxos de Dalí. A posta en escena foi apoteósica: cunha coreografía espectacular, uns traxes coidando ata o mínimo detalle e unha carroza digna do mellor circo do mundo —con acróbatas incluídos— lograron gañar todos os concursos celebrados en Baiona, Nigrán e Gondomar.

¿Que pretendías transmitir con “Relativiverso”?

“Quixen xogar coa percepción do tempo, co movemento, coa elasticidade do real. O Entroido é tamén un espazo para experimentar escénicamente.”

ESCENOGRAFÍA, MÍSTICA E PROCESO CREATIVO

Arquitecto de formación, Juan estuda actualmente Escenografía na Escola de Arte Dramática de Galicia. Afirma que para el o punto de partida dunha obra sempre é un verbo de acción: un impulso que se transforma en estrutura narrativa.

“Aí empeza todo: verbo, suxeito, predicado. Iso marca a linguaxe da peza.”

¿Esta forma de ver o mundo é algo recente ou xa era así desde pequeno?

“Sempre fun así. Xa de pequeno tiña outra maneira de observar e interpretar o que me rodeaba. Moita xente víao como estrañeza, pero eu estaba moi conectado co meu contorno, cos amigos e co pobo.”

¿Sentes presión por superarte en cada nova creación?

“Creo na investigación científica aplicada ao teatro, na mística escénica, na psicomaxia. A viaxe importa máis que o destino.”

Entre as persoas que marcaron a súa traxectoria destaca dúas figuras fundamentais: a súa madriña Marisa Bas, modista de profesión e parte esencial do seu equipo creativo —“somos un binomio artístico e emocional”—; e Paco Azorín, a quen considera o seu mentor escénico.

“Despois de coñecelo, a miña mirada cambiou por completo. Abriume mundos que eu non coñecía.”

🏛️ DA XESTIÓN CULTURAL Á ESCENA

Entre 2019 e 2023, Juan Bas foi concelleiro de Cultura no goberno de Paco Ferreira. Un período no que tivo que facer fronte á pandemia e ao reto de liderar a cultura municipal con só 25 anos.

¿Como foi aquel salto á política?

“Foi difícil que a xente confiase nun rapaz novo, pero cando se viron os resultados, todo mudou.”

¿Arrepínteste desa etapa?

“Artisticamente prexudicoume, si, pero vitalmente enriquecinme. Deume perspectiva, orde mental e capacidade de xestión.”

Entre os logros que máis valora están a descentralización da programación cultural e traer a Gondomar propostas escénicas de gran nivel, como obras do Centro Dramático Nacional.

A actual concelleira de Cultura, Rocío Goberna —que pasaba pola nosa beira mentres conversabamos— detívose un intre para dedicarlle unhas palabras a Juan:

“Collelo relevo non foi nada doado. Juan deixou o listón moi alto, pero saber que o teño sempre preto, disposto a botar unha man, é un alivio. Admíroo profundamente, como artista e como persoa.”