Baiona

Crece a contestación veciñal en Sabarís contra a instalación dunha gasoliñeira “low cost”

Veciños e veciñas de Sabarís, en Baiona, veñen de organizarse para frear a construción dunha nova gasoliñeira “low cost” nunha parcela situada na subida a Moradede, moi próxima a vivendas particulares.

A plataforma cidadá creada para opoñerse ao proxecto iniciou unha recollida de sinaturas e prepara alegacións formais para presentar ante o Concello de Baiona. Denuncian que a ubicación escollida podería ter un impacto negativo tanto na calidade de vida como na seguridade e no valor das vivendas, algunhas delas situadas a menos de 20 metros da parcela.

Segundo denuncian os promotores da oposición veciñal, a zona afectada conta con vivendas familiares, sendeiros naturais e tránsito peonil frecuente. A chegada dunha estación de servizo suporía, segundo explican, un aumento do tráfico rodado, risco de contaminación e un ruído constante que alteraría a tranquilidade da contorna.

O solo está cualificado no PXOM vixente como urbano non consolidado de uso global terciario, o que permite a construción de instalacións como gasoliñeiras, residencias ou gardarías. Porén, os residentes aseguran que non foron informados deste detalle urbanístico no seu momento, e consideran que a veciñanza debería ter voz nun asunto de tal impacto.