Nigran

Convocan unha limpeza en Praia América este domingo con Iván Ferreiro

A praia de Praia América acollerá este domingo 22 de marzo unha nova xornada de limpeza ambiental promovida pola plataforma We Sustainability, que nesta ocasión contará coa participación do cantante Iván Ferreiro.

A actividade, que suma a limpeza número 459 organizada pola entidade, desenvolverase a partir das 11.00 horas coa colaboración do Concello de Nigrán. O punto de encontro será na zona do campo de fútbol de Lourido.

A iniciativa busca implicar á veciñanza na conservación do litoral, fomentando a responsabilidade colectiva no coidado do medio natural. Desde a organización destacan a importancia de devolver ao entorno parte do que ofrece, especialmente nun espazo tan frecuentado como Praia América.

Para Iván Ferreiro, veciño de Nigrán, trátase dun lugar moi especial. O artista lembra que é “a praia da súa vida”, onde acumula recordos desde a infancia. Ademais, subliña que estes espazos forman parte da experiencia vital de moitas persoas: “nas praias xogamos, paseamos, namorámonos e aprendemos o valor da amizade”.

Praia América é tamén coñecida por inspirar a súa canción “Turnedo”, que recentemente cumpriu 20 anos. As persoas interesadas en participar poden inscribirse previamente a través da web de We Sustainability.