Continúan as obras de reasfaltado e canalización de saneamento en Baredo e Baiona.
O Concello de Baiona vén de iniciar as obras de mellora en varios camiños da parroquia de Baredo e da zona urbana do municipio, co obxectivo de mellorar o estado de conservación dos viarios, reforzar a seguridade viaria e contribuír á calidade de vida da veciñanza e persoas usuarias.
O proxecto inclúe actuacións de reasfaltado e canalización de saneamento nos camiños de Rúa Virxe do Pilar, Camiño das Xestas e Bouza, e Camiño das Revoltas. Neste último, executarase un novo tramo de rede de saneamento que se conectará coa infraestrutura existente no Camiño Portelos, completando así o servizo na contorna de Portelos-Cabreiro. Esta medida permitirá unha xestión máis eficiente e sustentable das augas residuais, eliminando o uso de fosas sépticas e reducindo o risco de contaminación ambiental.
Os treitos da Rúa Virxe do Pilar e o Camiño das Xestas e Bouza están pavimentados con mesturas bituminosas en quente, mentres que o Camiño das Revoltas conta con pavimento de formigón. Todos estes camiños presentan deterioros importantes —fendas, fochancas, reposicións de gabias— e, nalgúns casos, vexetación que invade as marxes e cunetas, afectando á seguridade viaria.
As obras consisten no estendido dunha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente para reforzalo e regularizalo. Tamén se realizará un fresado nos puntos necesarios para conectar os treitos e permitir o acceso ás vivendas, así como o recalce das tapas de rexistro mediante dados de formigón armado HA-25. No apartado de saneamento, instalaranse 97 metros lineais de tubaxe de PVC SN4 de 315 mm de diámetro.
En total, a intervención supón a mellora de 3.247,30 m² de superficie asfaltada e a correspondente sinalización horizontal, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria nas zonas de actuación.
O prazo de execución previsto é dun mes e o orzamento base de licitación ascende a 79.250,69 euros (IVE incluído). A financiación desta actuación faise posible grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, no marco do programa +Provincia 2024, destinado a promover o desenvolvemento de infraestruturas e servizos nos concellos da provincia.