Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra cofinancian a renovación do campo de Condomínguez con máis de 334.000 euros
A Deputación de Pontevedra aprobará este venres en xunta de goberno a concesión dunha achega de 189.491,55 euros ao Concello de Nigrán para a renovación do campo de fútbol municipal de Condomínguez, con cargo ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes.
A institución provincial asumirá o 57% do orzamento total da actuación, que ascende a 334.851,04 euros, mentres que o Concello de Nigrán achegará os 145.359,49 euros restantes.
O proxecto inclúe a substitución do céspede artificial por un novo de altas prestacións con certificación FIFA, ademais da reparación e regularización das zonas con irregularidades e a limpeza do sistema de drenaxe.
Tamén se renovará o sistema de rego, un elemento clave para o mantemento do terreo de xogo.
Con esta intervención, o campo de Condomínguez quedará en condicións óptimas para o seu uso por parte dos clubs do municipio, especialmente para o fútbol base.
Dende a Deputación destacan que este investimento reforza a súa aposta polo deporte e pola mellora das infraestruturas nos concellos, atendendo ás súas demandas independentemente de quen goberne neles.
