Oia

Clásico festival 6×6 Punto de Encontro volve ao Arrabal de Oia o domingo 15 de xuño cunha edición moi especial

O histórico barrio do Arrabal de Oia prepárase para acoller o domingo 15 de xuño a agardada oitava edición do festival 6×6 Punto de Encontro, un evento cultural que celebra a diversidade artística e a participación cidadá. Baixo a dirección de Alfredo Rodríguez, este ano o festival rende homenaxe á gran escritora galega Rosalía de Castro cun lema inspirado nas súas derradeiras palabras: “Abride a fiestra que quero ver o mar de Oia”.

Esta cita, xa consolidada como unha das máis destacadas do Baixo Miño, mestura diferentes disciplinas artísticas —desde as artes escénicas ata a música, a artesanía e as artes visuais— cunha clara aposta polo talento local. A colaboración entre o Concello de Oia, a Asociación Cultural Lévedo e a Deputación de Pontevedra fai posible esta iniciativa que tamén convida á veciñanza a participar activamente na experiencia cultural.

O programa da xornada comezará co mercado de artesanía ao mediodía, no que os artesáns da zona amosarán as súas creacións. Durante toda a tarde poderanse ver os traballos realizados polo alumnado dos obradoiros municipais de fotografía, nunha mostra que permanecerá aberta ata as 20:00 horas.

A cativada poderá gozar ás 17:00 horas da obra infantil “Os trasnos no muíño”, na Picota. Despois será a quenda do teatro veciñal, cunha representación titulada “Abride a fiestra que quero ver o mar de Oia”, na que participarán artistas locais como Gloria Rodríguez, Olga Cameselle e Nacho Álvarez.

A música e a tradición chegarán ás 19:30 horas co grupo folclórico Tra-lo Mosteiro, que animará as rúas coa súa actuación. A xornada pecharase ás 20:30 horas cun concerto-recital do dúo Cintaadhesiva, que fusionará poesía e música na Praza Centinela para ofrecer un broche creativo e emotivo.

Ademais, o festival renderá homenaxe ao escritor Alfonso Álvarez Cáccamo coa lectura dun dos seus textos, como recoñecemento ao seu legado literario na comarca.