Gondomar

César Troncoso, o actor uruguaio con raíces en Gondomar, triunfa en Netflix coa serie ‘El Eternauta’

O actor uruguaio César Troncoso, unha figura consolidada no cine e a televisión de Arxentina, Brasil e Uruguai, é hoxe protagonista dunha das series máis exitosas de Netflix: ‘El Eternauta’, superprodución baseada na histórica banda deseñada arxentina que arrasa en América e que está a piques de estrearse en Europa.

Troncoso naceu en Montevideo, pero a súa historia está profundamente ligada a Galicia. O seu pai era natural de Gondomar, e nos anos 50 emigrou ao Uruguai en busca dun futuro mellor. Pola súa banda, o avó materno tamén deixou Galicia en dirección a América, primeiro a Brasil e logo a Montevideo, onde abriu un bar. Alí coñeceu ao mozo gondomareño que acabaría casando cunha das súas fillas, Teresa, e formando unha familia coa que criaron tres fillos, sendo César o maior.

A familia viviu máis de vinte anos en Uruguai, pero despois dunha viaxe a Galicia, os pais e os dous irmáns menores de César decidiron regresar. Establecéronse en Sabarís (Baiona), onde Teresa, a nai do actor, continúa vivindo. César, que tiña daquela 19 anos, decidiu quedar no Uruguai, en parte por unha relación amorosa que non acabou ben, pero tamén porque nese momento descubriu a súa verdadeira vocación: o teatro.

Con máis de 40 filmes, premios en festivais como Gramado, BAFICI ou Miami, e papeis destacados en películas como El baño del Papa, Infancia clandestina ou La noche de 12 años, César Troncoso é hoxe un dos actores máis recoñecidos do panorama audiovisual suramericano. Na serie ‘El Eternauta’, interpreta ao profesor Alfredo “Tano” Favalli, un dos protagonistas xunto a Ricardo Darín. A serie lidera os ránkings de audiencia en América Latina e estrearase en breve en Europa.

Onte mesmo tivemos a ocasión de conversar con Teresa, a súa nai, nun encontro casual en Sabarís. A emoción co que falou do seu fillo era palpable. Contounos que César viaxará proximamente a España para participar na promoción internacional da serie e que tamén aproveitará para visitala a ela e ao resto da familia, como adoita facer sempre que pode. Teresa repasou con agarimo a historia familiar, o tempo vivido en Uruguai, o regreso a Galicia e o orgullo profundo que sente polo seu fillo e polo vínculo que este mantén coas súas raíces.

Nunha entrevista ao diario El País, o propio César Troncoso confesaba que, de mozo, chegou a sentirse algo avergoñado porque seu pai, que traballaba nun bar e era quen de levar contas con soltura, tiña dificultades para ler e escribir. “Naquel momento un tiña ideas preconcibidas, eran só estereotipos”, admitía. Co paso do tempo, comprendeu que non había nada do que avergoñarse, senón moito do que sentirse orgulloso. Así o expresa hoxe, reivindicando con emoción a dignidade, o esforzo e a herdanza dos seus pais e a súa identidade galega, que leva moi presente a pesar da distancia.