Baiona

CEMMA pide respecto para dous delfíns solitarios que se asentaron en Baiona

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) lanzou un chamamento á cidadanía para non interferir nin molestar a dous delfíns solitarios que se desprazan polas augas galegas, especialmente na zona sur das Rías Baixas.

A organización lembra que a proximidade de embarcacións, motos de auga ou nadadores pode xerarlles estrés e alterar o seu comportamento natural, polo que pide manter unha distancia prudente e evitar calquera intento de contacto directo.

“Son animais salvaxes e vulnerables, non mascotas nin atraccións turísticas”, recordan desde CEMMA, engadindo que é fundamental garantir a súa tranquilidade, sobre todo cando descansan ou permanecen inmóbiles durante longos períodos, xa que isto podería estar relacionado cun estado de debilidade ou enfermidade.

A entidade continúa facendo seguimento dos movementos destes dous delfíns e anima á veciñanza a comunicar os avistamentos a través da súa rede de aviso, dispoñible na web de CEMMA, sempre sen intervir nin achegarse aos animais.