Baiona

Baiverán ‘25: Baiona transfórmase nun escenario xigante de festas, cultura e espectáculos para todos os públicos

O Concello de Baiona presentou a súa programación de verán para o 2025 baixo o nome de “Baiverán ’25”, un ambicioso plan de dinamización da tempada estival que converterá a vila mariñeira nun referente do lecer e da cultura en Galicia. Festivais, verbenas, espectáculos musicais, monólogos, exposicións, roteiros, festas temáticas e actividades para toda a familia encherán as rúas, prazas e praias de Baiona durante os próximos meses.

A programación, organizada polas concellarías de festexos, xuventude, cultura e comercio, ofrece unha variada e completa oferta que inclúe:

MÚSICA PARA TODOS OS GUSTOS

Entre os concertos máis destacados están os de Pablo Alonso, Patinamá, Concierto De Pablos, Los Lunes al Sol Vigo, Dueto Awen, Son do Val, Rock que Mola ou Mondieu. Tamén haberá espectáculos tributo a artistas como IL Divo (da man de Trivox), Joaquín Sabina e Juan Pardo, este último a cargo de Antonio Barros Pardo e a agrupación musical de Belesar.

As orquestras de renome non faltarán, con actuacións de Kubo e Olympus na Palma polo Carmen o 15 e 16 de xullo, e París de Noia, Trébol e Capitol na mesma localización do 1 ao 3 de agosto para celebrar a Virxe da Anunciada.

CULTURA, HUMOR E TRADICIÓN

A oferta cultural inclúe monólogos estelares de Pepo Suevos, Diana Sieira, Jamín Abuín, José Campoy, Víctor Grande e “Eva y Qué”. Tamén haberá charlas e coloquios no Multiusos de Sabarís, con expertos nacionais e internacionais.

FOLCLORE E DANZA

Participarán agrupacións como Escola de Baile Vila de Baiona, Airiños da Lagoa de Baiña, A Seneira, Ardelume, e grupos de danza como Giro’s de Baiña, Ldanzia de Gondomar, Dando a Nota de Baredo, entre outras.

As asociacións culturais de Baiona tamén terán un papel protagonista: Coral Polifónica A Cela de Baredo, Coral Polifónica Baiona La Real, O Coro de Homes Voces Baionesas, ou Baiona Bay, continuarán a manter vivas as tradicións.

🎉 

FESTAS, FESTIVAIS E ACTIVIDADES PARA NENOS

Regresan os grandes festivais como o Entre Playas Sunset Festival, o Barbos Fest, a 3ª edición do Festival Peregrino Encontro no Camiño e o Pequefest, con festa Holi e festa da escuma para os máis cativos.

Ademais, organizaranse roteiros culturais, históricos e turísticos, con andainas e visitas guiadas polos recunchos máis emblemáticos do municipio.

COLABORACIÓN E APOIOS

Esta programación é posible grazas á colaboración da asociación ACEBA (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona), das asociacións culturais e folclóricas da vila, e do apoio económico de institucións públicas como a Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincias 2024, e os programas culturais +Música e Xacobeo.

Con esta intensa e variada programación, Baiona consolídase como destino turístico e cultural de referencia no verán galego, ofrecendo propostas para todos os públicos e convertendo cada día da tempada estival nunha celebración aberta, diversa e inesquecible.