Baiona

Baiona vivirá este sábado unha gran xornada de convivencia con charlas, fitness, baile, risoterapia e unha sorpresa final no pavillón de deportes

Este sábado, día 20, ás 16:30 horas, o Pavillón de Deportes de Baiona converterase no epicentro da convivencia coa celebración dunha nova edición do MAIS Convivir, unha cita pensada para gozar, aprender e coidar a saúde en comunidade.

O programa inclúe charlas do Dr. Viso, que compartirá consellos prácticos de primeiros auxilios e recomendacións para un estilo de vida activo e saudable dirixidas a todas as idades. A popular presentadora da Televisión de Galicia, Rocío Padín, será a encargada de animar e conducir o evento, poñendo o seu toque de entusiasmo e proximidade.

Non faltarán momentos de diversión coa risoterapia, actividades dinámicas de fitness e baile, así como un encontro veciñal que busca fortalecer lazos entre xeracións e parroquias nunha auténtica festa da convivencia.

O Concello de Baiona convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada tan especial, que combina saúde, benestar, actividade física e amizade, facendo do sábado unha ocasión perfecta para vivir en comunidade.