Baiona vivéu unha xornada chea de solidariedade no Día Mundial da Fibrose Quística
A Praza do Concello de Baiona converteuse hoxe no corazón da solidariedade co gallo da conmemoración do Día Mundial da Fibrose Quística, unha enfermidade rara que afecta a centos de familias en Galicia e que require máis visibilidade, apoio e investigación.
A xornada arrincou cedo cunha andaina solidaria e xogos en inchables, que encheron de ledicia ás familias participantes. A música estivo moi presente durante toda a mañá, con actuacións de grupos locais como Novo Orballo e Novos Cantantes, ademais dun photocall solidario no que moitos veciños e visitantes se sumaron para deixar testemuña gráfica do seu apoio.
Non faltaron momentos máxicos, como a actuación de maxia ás 11:45, nin tampouco a emoción do sorteo de agasallos ao mediodía, que puxo o broche á primeira parte do programa.
Xa pola tarde, as rúas enchéronse de música e cor cun animado pasarúas, seguido de novas actividades na praza, entre elas unha nova sesión do photocall, a actuación de Rogelio III. La Fête, o concerto de Os Terribles de Donas, unha sesión de pilates aberta ao público, e un novo sorteo de agasallos que mantivo o espírito participativo. O día pechou coa posta en escena de Dansá Performing Arts, que puxo a nota artística e vibrante ao final da celebración.
O Concello de Baiona quixo con este programa implicar á veciñanza na visibilización da fibrose quística, recordando que “dar a coñecer é dar futuro”. A elevada participación deixou claro que Baiona é un pobo sensible, solidario e disposto a apoiar ás familias que loitan cada día contra esta enfermidade.
