Baiona

Baiona tínguese de rosa polo Día Mundial do Cancro de Mama

O Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC), convida a toda a veciñanza e visitantes a participar o domingo 19 de outubro na creación dun gran lazo rosa humano con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama. O encontro terá lugar ás 11:00 horas no Paseo da Ribeira, diante da oficina de turismo.

Veciños, asociacións, centros educativos, comercios e todas as persoas que desexen apoiar esta causa uniranse para amosar o compromiso de Baiona coa prevención, a investigación e o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade.

“Queremos que Baiona únase nun gran abrazo rosa. Cada persoa que acuda será parte dunha mensaxe de esperanza, de vida e de unión fronte ao cancro”, sinalou o alcalde Jesús Vázquez Almuiña.

Pola súa banda, Pilar Fentán, representante da AECC Baiona, destacou “a importancia da detección precoz, do acompañamento e de non esquecer que cada xesto, por pequeno que pareza, pode marcar a diferenza”.

O Concello anima a toda a cidadanía a participar neste emotivo acto, no que estarán presentes representantes municipais, voluntariado da AECC, asociacións locais e veciños en xeral. Recoméndase levar unha peza ou accesorio rosa para sumarse ao gran lazo humano, símbolo de apoio e solidariedade coa loita contra o cancro de mama.