Baiona superará o millón de luces LED nun Nadal sostible e participativo
Baiona prepárase para vivir un Nadal máis brillante ca nunca. Nas vindeiras semanas, o Concello comezará a instalación do novo proxecto de iluminación festiva, que superará o millón de luces LED e converterá a vila mariñeira nun auténtico referente de decoración sostible e participación cidadá no sur da provincia. A iniciativa busca promover un ambiente acolledor, dinamizar o comercio local e atraer visitantes, mantendo o equilibrio entre a beleza visual, a eficiencia enerxética e o respecto polo patrimonio histórico.
O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que “o Nadal é unha das épocas máis especiais do ano e queremos que Baiona luzca con todo o seu esplendor, converténdose nun punto de encontro para familias, veciños e visitantes. Con esta iluminación daremos a benvida a unhas festas cheas de ilusión, tradición e vida nas nosas rúas”. Pola súa banda, a concelleira de Festexos e Medio Ambiente, Ruth Álvarez González, sinalou que “reforzaremos a decoración con criterios de sostibilidade, apostando pola eficiencia enerxética e o uso de materiais respectuosos co entorno. Cada recuncho de Baiona reflectirá o espírito do Nadal, coidando a estética, a uniformidade e a integración co patrimonio arquitectónico da vila”.
A empresa Dalisa Ponteareas S.L. foi a adxudicataria, mediante licitación pública, do contrato de instalación, mantemento e subministración do alumeado navideño para o período 2025–2026. O proxecto inclúe tamén a colocación de 65 arcadas municipais nas parroquias, co obxectivo de estender a atmosfera festiva a todo o territorio. Entre as principais novidades destacan a instalación dun gran elemento decorativo transitable na Praza Victoria Cadaval de Sabarís, un photocall na Praza Pedro de Castro, e a iluminación especial do Paseo da Ribeira e do Palco da Palma, onde se recreará un ambiente elegante coa Carabela Pinta como pano de fondo.
Tamén se ampliará o manto de guirnaldas na zona peonil da Carabela Pinta, con dez liñas de 156 metros cada unha e unha nova estrutura en zigzag na parte non peonil. A Praza de Santa Liberata contará con dúas novas figuras tridimensionais de tres metros de altura, que realzarán a beleza da capela. Pola súa parte, o casco histórico será un dos espazos máis espectaculares, con máis de 4.000 metros lineais de guirnaldas LED adornando rúas como Conde, Reloxo, Xogo da Bola, Lorenzo de la Carrera, A Laxe, San Xoán, Diego Carmona e Manuel Valverde.
O proxecto complétase coa III edición do Concurso de Adornos con Material Reciclado, unha iniciativa que mantén aberto o prazo de inscrición ata o 18 de novembro. Con esta proposta, o Concello pretende fomentar a creatividade, o consumo responsable e a participación veciñal, promovendo valores como reciclar, reducir e reutilizar.
O aceso oficial anunciarase nas vindeiras semanas, e o alumeado permanecerá operativo ata o 6 de xaneiro de 2026. O horario xeral será de 18:00 a 02:00 horas, ampliándose ata as 04:00 nas noites de Noiteboa, Fin de Ano e Reis. A instalación deberá estar completada antes da penúltima semana de novembro, realizándose unha proba técnica previa ao aceso oficial. A retirada da decoración está prevista antes do 31 de xaneiro de 2026, con quince días adicionais para as parroquias, se fose necesario.
