Baiona súmase ao soño celeste de voltar a Europa
O Concello de Baiona vén de amosar publicamente o seu apoio ao Real Club Celta de Vigo na campaña “Soño con voltar a Europa”, coa que o equipo vigués busca implicar a toda Galicia na recta final da tempada, onde se xoga o seu regreso ás competicións europeas tras oito anos de ausencia.
A través dunha carta asinada pola presidenta do club, Marián Mouriño, o Celta remitiu a todos os concellos galegos unha bandeira celeste e unha camiseta oficial co lema da campaña, convidándoos a exhibir os símbolos en espazos visibles e a compartir nas redes sociais o sentimento de unidade en torno ao equipo.
Baiona non dubidou en sumarse a esta iniciativa, izando a bandeira celeste e manifestando o seu respaldo ao club que representa a Galicia no fútbol de elite. A vila únese así a outros concellos como Redondela, Cangas, Beade ou Sober, que xa mostraron tamén o seu apoio.
A afección celeste prepárase agora para un desprazamento masivo a Getafe, onde máis de 3.000 seareiros acompañarán ao equipo nun partido decisivo. Se o Celta logra a clasificación para Europa, Vigo acollerá unha gran celebración o domingo, cun percorrido en autobús descapotable e fin de festa na Praza de América.
Desde Baiona, como dende o resto do país, mantense viva a ilusión de que o soño celeste se faga realidade.