Baiona repartirá “cabicheiras” na Festa da Arribada para fomentar a limpeza e a concienciación ambiental
O Concello de Baiona porá en marcha durante a próxima edición da Festa da Arribada unha iniciativa destinada a reforzar a limpeza e a concienciación ambiental entre veciñanza e visitantes. Con este obxectivo, repartiranse gratuitamente “cabicheiras”, cinceiros portátiles reutilizables, ao longo dos días de celebración.
A medida busca reducir a presenza de cabichas na vía pública, especialmente nas zonas de maior afluencia como o casco histórico e a contorna do porto, onde cada ano se concentran milleiros de persoas para gozar do mercado medieval, das actividades culturais e da programación festiva.
Desde o Goberno local subliñan que a Arribada é unha celebración que pon en valor a historia e a identidade da vila, polo que mantela en perfecto estado é unha responsabilidade compartida. “Queremos que a festa sexa un exemplo non só de participación e dinamización económica, senón tamén de respecto polo noso contorno e polo medio ambiente”, sinalan.
As cabicheiras distribuiranse en puntos informativos durante os días centrais do evento. Trátase de recipientes pequenos, prácticos e reutilizables que permiten apagar e gardar as cabichas de maneira segura ata depositalas nunha papeleira, contribuíndo así a unha festa máis limpa e sostible.
