Baiona reforza a súa proxección turística en Fitur 2026
O Concello de Baiona participa estes días en FITUR 2026, a principal feira internacional de turismo, co obxectivo de seguir posicionando a vila como un dos destinos de referencia de Galicia e do Atlántico.
Desde o stand de Galicia, Baiona amosa ao sector profesional e ao público especializado todo o potencial dun destino que combina patrimonio, natureza e mar, cunha aposta firme por un modelo turístico sostible e de calidade.
A presenza de Baiona en FITUR vai máis alá da promoción visual. Durante estas xornadas, o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, están a manter reunións estratéxicas con empresas do sector, turoperadores, institucións e outros axentes turísticos.
Estes encontros de traballo están orientados a xerar novas oportunidades, captar proxectos e dar resposta ás necesidades actuais e futuras de Baiona en materia de desenvolvemento turístico. Un labor que persegue un obxectivo claro: fortalecer a economía local, apoiar o tecido empresarial e consolidar un modelo turístico equilibrado, respectuoso co entorno e plenamente compatible coa vida cotiá da veciñanza.
Todo o traballo desenvolvido en FITUR enmárcase dentro da estratexia municipal de sostibilidade, convivencia e crecemento responsable. Baiona avanza así con paso firme cara ao futuro, reforzando a súa presenza nos principais foros do sector e consolidando a súa imaxe como un destino auténtico, acolledor e comprometido coa súa identidade e co seu territorio.
