Baiona

Baiona presenta a XXX Festa da Arribada 2026 como gran escaparate internacional da súa historia

A Praza Pedro de Castro acolleu este xoves 19 de febreiro a presentación oficial da XXX edición da Festa da Arribada, que se celebrará os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo de 2026. O acto reuniu a representantes institucionais, patrocinadores e membros da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), nunha cita que volveu poñer en valor a relevancia histórica e turística desta celebración declarada de Interese Turístico Internacional.

A concelleira de Turismo, Sheila González Martins, abriu o acto institucional, no que tamén interviñeron o concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, a concelleira de Festexos, Ruth Álvarez González, e o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña Chamorro. A xornada completouse cunha breve escenificación medieval a cargo da compañía Asacocirco.

Na quenda de intervencións tomou a palabra a xefa da zona Vigo-Sur de ABANCA, Ángela Rodríguez Miguens, seguida do deputado provincial de Cultura, Xuventude, Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, e do secretario territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Fernando González Abeijón.

Cubela destacou que “a Arribada é unha das mellores cartas de presentación da provincia de Pontevedra, unha festa que combina historia, identidade e dinamización económica”. O deputado subliñou o compromiso da Deputación con Baiona e afirmou que “apostar por eventos como este é apostar polo emprego, pola cultura e polo orgullo do noso territorio”.

Pechou o acto o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, quen puxo o acento na dimensión internacional da celebración. “A Arribada non é só unha festa; é a nosa maneira de contar ao mundo que Baiona foi o primeiro porto de Europa en recibir a noticia do Descubrimento de América”, sinalou. O rexedor engadiu que “traballamos para que esta trixésima edición sexa especial, reforzando a calidade da programación, a seguridade e a experiencia dos milleiros de visitantes que nos acompañan cada ano”.

A presentación serviu tamén para avanzar detalles da oferta gastronómica gourmet que acompañará a festa, con propostas innovadoras e produtos de proximidade. Baiona prepárase así para revivir, unha vez máis, a chegada da carabela Pinta e converterse durante tres días no gran epicentro medieval de Galicia.