Baiona presenta a humanización de Sabarís e comprométese a reducir os prazos de execución das obras
O multiusos de Sabarís acolleu na tarde deste martes a presentación do proxecto de humanización do centro urbano na parroquia de Santa Cristina, no barrio de Sabarís, nun acto aberto á veciñanza que contou cunha ampla participación.
O encontro estivo presidido polo alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, así como polo arquitecto responsable do proxecto, Ángel Santorio.
Durante a presentación, o rexedor explicou os detalles dunha actuación que se executará en dúas fases para minimizar o impacto no día a día da veciñanza. O primeiro tramo desenvolverase desde a baixada da estrada de Belesar ata a rúa José Pereira Troncoso, mentres que a segunda fase continuará ata a rotonda do General Santos Peralba.
Un dos aspectos máis destacados foi o anuncio do prazo de execución, fixado inicialmente en 12 meses. Con todo, o alcalde comprometeuse a reducir ese tempo na medida do posible co obxectivo de acurtar as molestias derivadas das obras e axilizar a posta en servizo do novo espazo urbano.
Ademais, Vázquez Almuiña anunciou a posta en marcha de reunións semanais cos veciños, que se celebrarán todos os martes a última hora da mañá, co fin de facer un seguimento continuo da obra e recoller suxestións, incidencias e propostas da cidadanía.
O acto rematou cunha quenda aberta de preguntas, na que os asistentes puideron trasladar as súas dúbidas e preocupacións sobre o desenvolvemento da actuación, nun exercicio de participación que o goberno local pretende manter ao longo de todo o proceso.
Este proxecto forma parte da estratexia de humanización dos espazos públicos impulsada polo Concello, orientada a mellorar a accesibilidade, a mobilidade e a calidade urbana en Sabarís.
