Baiona

Baiona instalará paneis solares para reducir a factura da luz dos veciños máis vulnerables

O pleno do Concello de Baiona aprobou por unanimidade un convenio coa Deputación de Pontevedra para poñer en marcha unha instalación fotovoltaica de autoconsumo colectivo no Pavillón Municipal de Deportes. O obxectivo é dobre: avanzar na redución da pegada de carbono e, ao mesmo tempo, rebaixar a factura eléctrica das familias en situación de vulnerabilidade.

A actuación inclúe a instalación de paneis solares de 540 W cunha potencia inferior a 99,99 kWp, un sistema de almacenamento con baterías de litio de ata 50 kWh e un software de monitorización para controlar a produción en tempo real. A súa área de influencia será de 2 quilómetros arredor do pavillón.

Polo menos un 10 % dos beneficiarios directos serán consumidores vulnerables, que recibirán tamén o 10 % da enerxía producida. A selección destes veciños está a ser supervisada pola Concellaría de Servizos Sociais.

O investimento total ascende a 113.654,09 euros. Deles, o IDAE, a través dos fondos europeos NextGenerationEU, achegará 64.440,50 euros. A Deputación de Pontevedra aportará 24.975 euros con fondos propios, e o Concello de Baiona asumirá os 24.238,59 euros restantes.