Baiona inaugura o pavillón do CEIP Fontes-Baíña tras a súa remodelación
O pavillón polideportivo do CEIP Fontes-Baíña xa é unha realidade tras a finalización das obras de mellora, nun acto de inauguración que contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en Baiona.
A actuación, impulsada polo Concello co apoio da Xunta de Galicia, permitiu renovar e modernizar unha infraestrutura clave para o centro educativo e para o conxunto da comunidade, cun investimento no que a administración autonómica achegou unha parte significativa a través do Fondo de Cooperación Local.
Os traballos incluíron a rehabilitación da fachada e do interior do edificio, a construción de novos vestiarios e aseos, así como a mellora da accesibilidade, facilitando o uso das instalacións a persoas con mobilidade reducida. Ademais, habilitáronse conexións cubertas entre as aulas, o ximnasio e o pavillón, garantindo o tránsito do alumnado en condicións de seguridade fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
Tamén se levou a cabo a ampliación da cuberta exterior para protexer do vento e da choiva, así como actuacións na pista polideportiva e na súa conexión directa co ximnasio.
Durante a visita, Diego Calvo puxo en valor o compromiso da Xunta co apoio ás entidades locais para mellorar as súas infraestruturas e fomentar hábitos de vida saudable entre a poboación máis nova, destacando a importancia deste tipo de investimentos para o desenvolvemento social e deportivo.
