Baiona e Poio irmándanse para potenciar a súa historia colombina e a proxección das Rías Baixas
Os concellos de Baiona e Poio oficializaron o seu irmandamento institucional nun acto celebrado na sede da Deputación de Pontevedra, escenificando unha alianza que xira arredor da figura de Cristóbal Colón e do patrimonio histórico compartido.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o rexedor de Poio, Ángel Moldes, destacaron que este acordo supón “un paso estratéxico” para reforzar a cooperación cultural e turística entre ambos municipios, co obxectivo de consolidar a provincia como referente do legado colombino en Galicia.
Baiona ten na Festa da Arribada o seu principal emblema histórico, unha recreación que lembra a chegada da carabela Pinta en 1493 co anuncio do Descubrimento de América, convertida nun dos grandes eventos turísticos das #RíasBaixas. Pola súa banda, Poio celebra cada ano o Día de Colón, reivindicando a tradición que sitúa en Galicia a orixe do navegante.
O irmandamento permitirá coordinar accións promocionais conxuntas, intercambiar programación cultural e crear produtos turísticos compartidos que poñan en valor a historia común. Ademais, ambas administracións apostan por impulsar actividades divulgativas, congresos e iniciativas educativas que afonden na investigación e difusión da figura de Colón.
Os dous alcaldes coincidiron en sinalar que a unión “suma esforzos e multiplica oportunidades”, reforzando a marca territorial das Rías Baixas e proxectando ao exterior unha oferta cultural diferenciada baseada na historia, a navegación e a tradición marítima. Con este acordo, Baiona e Poio consolidan unha alianza que mira ao pasado para construír novas oportunidades de futuro.
