Baiona e o Val Miñor, no foco de Netflix e Marvel: a provincia de Pontevedra busca converterse en escenario de grandes producións
A provincia de Pontevedra prepárase para dar o salto á gran pantalla, e Baiona e o Val Miñor sitúanse entre os territorios con maior potencial para acoller rodaxes de series e películas internacionais. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, destacou que a visita realizada por localizadores de produtoras como Netflix, Sony Pictures, Marvel Studios, Warner Bros ou A3Media foi “totalmente positiva” e abre novas oportunidades para proxectar o territorio “máis alá das nosas fronteiras”.
Durante a estadía, os especialistas percorreron a zona sur da provincia, incluíndo Baiona, onde valoraron especialmente a combinación de paisaxe mariña, patrimonio histórico e ambiente cinematográfico. O propio Almuíña subliñou que “traballaremos para achegar ás grandes produtoras os nosos mellores escenarios, desde a costa ata o interior”, convencido de que o Val Miñor ofrece unha variedade única de localizacións: praias, portos, montes, rúas medievais e miradoiros con vistas espectaculares ao Atlántico.
A visita tamén incluíu paradas en Tui, o Salnés, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Terra de Montes e Deza, co obxectivo de mostrar o potencial do territorio pontevedrés como escenario versátil para producións de diferentes xéneros. Ademais, xa se pecharon reunións cunha localizadora británica moi interesada na provincia, así como con especialistas de Cataluña, que destacaron “a versatilidade do destino para os proxectos nos que están a traballar”.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra pretende atraer rodaxes que xeren emprego e promoción turística, convertendo espazos como Baiona, Gondomar ou Nigrán en auténticos platós naturais capaces de proiectar a imaxe do Val Miñor no panorama internacional.
