BaionaNigran

Baiona e Nigrán rexistran unha suba do alugueiro arredor do 3% nun ano

O prezo da vivenda en alugueiro continúa aumentando en Baiona e Nigrán, segundo os últimos datos publicados polo portal inmobiliario Fotocasa correspondentes ao mes de febreiro.

De acordo co informe, Baiona rexistrou unha subida interanual do 2,7%, mentres que en Nigrán o incremento foi lixeiramente superior, alcanzando o 3% respecto ao mesmo período do ano pasado.

No que respecta ao prezo por metro cadrado, Baiona sitúase entre os municipios galegos con alugueiros máis elevados, cunha media de 12,78 euros por metro cadrado ao mes, só por detrás de Sanxenxo. Pola súa banda, en Nigrán o prezo medio alcanza os 11,92 euros por metro cadrado ao mes, o que tamén o coloca entre as localidades con maior custo de alugueiro da comunidade.

Os datos forman parte do Índice Inmobiliario de Fotocasa, que sinala que o mercado do alugueiro en Galicia continúa nunha tendencia ascendente. A comunidade rexistrou en febreiro unha subida mensual do 2,2% e unha variación interanual do 6%, situando o prezo medio nos 10,31 euros por metro cadrado ao mes.

Segundo o portal inmobiliario, Galicia encadea xa 104 meses consecutivos de incrementos interanuais no prezo do alugueiro, o que supón preto de nove anos de subidas continuadas no mercado residencial.