Baiona descubre unha placa en honra a Isaac Carneiro Refojos no Paseo Monte Boi
O Concello de Baiona celebrou este sábado, 30 de agosto, un emotivo acto de homenaxe ao veciño Isaac Carneiro Refojos, falecido recentemente aos 90 anos. O evento tivo lugar no Paseo Monte Boí, xunto á imaxe de San Telmo, onde se descubriu unha placa conmemorativa en recoñecemento á súa vida e legado.
Mariñeiro de profesión e home de fonda fe, Isaac Carneiro dedicou os seus últimos anos á construción dun santuario artesanal no Monte Boí, levantado coas súas propias mans. Nel reuniu imaxes relixiosas da Virxe de Fátima, o Sagrado Corazón, a Virxe do Carmen, Santa Ana, San Antonio e Santiago Peregrino, convertendo aquel recuncho mariñeiro nun espazo de encontro espiritual que hoxe forma parte do patrimonio sentimental da vila.
No seu labor contou coa colaboración do escultor Manuel Quintas Vergara, coñecido como “o ferrreiro de Sabarís”, quen achegou ao santuario unha réplica da Virxe da Roca, engadindo un valor artístico a este enclave.

