Baiona

Baiona decidirá a principios da próxima semana se se conecta ao embalse de Zamáns

O Concello de Baiona avaliará a principios da próxima semana a posibilidade de conectarse ao embalse de Zamáns, a través de Nigrán, para garantir o subministro de auga potable ante o descenso do nivel no encoro de Baíña.

O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que a decisión final dependerá das condicións meteorolóxicas dos vindeiros días. “As previsións apuntan a choivas a finais desta semana, pero se non son abondas teremos que activar a conexión con Zamáns para asegurar o abastecemento”, indicou.

Baiona mantivo unha reunión técnica co Concello de Nigrán e ten previsto reunirse mañá co de Vigo, co obxectivo de coordinar unha posible derivación de auga, tal e como xa se fixo en ocasións anteriores en períodos de seca.

Almuiña subliñou a boa colaboración entre os tres concellos e insistiu en que a prioridade é “garantir o servizo aos veciños con todas as garantías sanitarias e de eficiencia”.