Baiona

Baiona continúa as obras de restauración dos seus parques infantís no Parque da Palma

O Concello de Baiona continúa cos traballos de mellora dos seus parques infantís, nesta ocasión no Parque da Palma, cunha actuación destinada a reforzar a seguridade, o estado de conservación e a funcionalidade dun dos espazos de lecer infantil máis utilizados do municipio.

Os máis novos de Baiona terán así un novo motivo para visitar este parque, xa que o Concello está a executar unha obra de mellora integral nun dos seus espazos de xogo máis populares. Con esta intervención, o goberno local destaca a importancia que teñen os nenos e nenas tanto para os veciños como para os visitantes.

Segundo a memoria técnica elaborada polos Servizos Técnicos Municipais, os traballos consisten na restauración integral dos distintos elementos de xogo existentes, que presentan desgaste debido ao uso continuado, ao paso do tempo e a actos vandálicos que en ocasións provocan desperfectos.

En concreto, actuarase sobre un xogo de calistenia; varios columpios —entre eles dobres con asento tipo cesta, dobres con asento plano e un columpio con asento inclusivo—; un columpio niño; balancíns de pletina individuais e dobres; un balancín de muelle cuádruplo; un xogo múltiple de catro torres; outro con torre e tobogán; un tobogán pequeno; un xogo xiratorio; un carrusel e unha tirolina.

Ademais da renovación destes elementos, tamén se realizará a reparación do pavimento de seguridade de caucho en determinadas zonas e a achega de area nas áreas de protección dos xogos.

A intervención conta cun orzamento de 36.255,45 euros e será financiada integramente con fondos propios do Concello de Baiona, dentro da estratexia municipal de mantemento e mellora dos espazos públicos destinados ás familias.