Baiona

Baiona chama á súa veciñanza a facer historia: os apelidos toman protagonismo na Arribada

O Concello de Baiona vén de presentar “Os Linaxes da Arribada – O Pobo fai Historia”, unha ambiciosa iniciativa cultural e participativa que busca converter á veciñanza na auténtica alma do desfile institucional da Arribada. O proxecto nace coa vontade de reforzar a identidade colectiva da vila e de reivindicar a historia local desde unha perspectiva humana, próxima e compartida.

A proposta pon o foco nos apelidos e alcumes tradicionais de Baiona, entendidos non só como sinais de identidade familiar, senón como auténticos portadores de memoria histórica. Ao longo dos séculos, estes nomes foron fundamentais para a organización social da vila, reflectindo liñaxes, oficios, lugares de procedencia e vínculos comunitarios que se remontan á Idade Media e que aínda hoxe forman parte do imaxinario colectivo baionés.

Con este proxecto, o Concello pretende recuperar e dignificar ese patrimonio inmaterial, facendo partícipes aos propios veciños e veciñas da recreación histórica. Serán eles quen representen os distintos linaxes no desfile da Arribada, convertendo a celebración nun relato vivo no que pasado e presente camiñan da man.

“Os Linaxes da Arribada” supón un paso máis na aposta municipal por unha Arribada participativa, na que a festa non se limite á recreación histórica ou ao atractivo turístico, senón que funcione tamén como ferramenta de cohesión social e de transmisión da memoria colectiva. A iniciativa busca, ademais, fortalecer o sentimento de pertenza e orgullo local, poñendo en valor historias familiares que forman parte da historia común da vila.

Deste xeito, Baiona reivindica o seu pasado desde as persoas, facendo da Arribada unha celebración na que o pobo non só lembra a historia, senón que a interpreta, a vive e a fai súa.