Baiona celebra o Día da Patrona da Garda Civil coa presenza de autoridades e un sentido homenaxe aos caídos
A Garda Civil do posto principal de Baiona-Nigrán celebrou este sábado a festividade da súa patrona, a Virgen del Pilar, cun acto solemne que reuniu a numerosos veciños, representantes institucionais e membros das forzas de seguridade.
A xornada comezou coa misa oficiada na igrexa de Santa María de Baiona, onde se rendiu homenaxe a todos aqueles gardas civís falecidos en acto de servizo. A cerimonia relixiosa estivo marcada pola emoción e o respecto, coa presenza das bandeiras da Benemérita e unha ofrenda floral en lembranza dos compañeiros caídos.
Entre os asistentes destacaron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, acompañados de membros das corporacións municipais. Tamén acudiron representantes da oposición, como María José Pino, do grupo municipal de Nigrán, e varios membros vinculados ao Partido Socialista de Baiona, encabezados polo exalcalde Carlos Gómez.
Tras a misa, celebrouse un acto institucional fronte ao templo, onde se interpretou o himno da Garda Civil e se lembrou o labor que este corpo leva a cabo ao servizo da cidadanía, tanto nos concellos de Baiona e Nigrán como no resto da comarca.
O evento contou coa asistencia de numerosos veciños e representantes de colectivos sociais, que quixeron acompañar aos axentes neste día especial.
A conmemoración trasladouse posteriormente ao cuartel da Garda Civil de Baiona, onde se celebrou un viño español que serviu de punto de encontro e confraternización entre mandos, autoridades e veciñanza.
