Baiona celebra o Día da Hispanidade cun concerto en homenaxe a Carlos Gardel
Baiona conmemorará o Día da Hispanidade 2025 cun acto musical moi especial que servirá tamén para lembrar o 90 aniversario do falecemento de Carlos Gardel, o mítico intérprete de tango cunha fonda conexión con Galicia.
O evento, organizado polo Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Consulado da Arxentina en Galicia, terá lugar o domingo 12 de outubro ás 18:00 horas no Monumento Encontro entre Dous Mundos.
Como vén sendo tradición, Baiona reafirma con este acto os lazos históricos e culturais que, desde hai 533 anos, unen a vila co continente americano, celebrando así a fraternidade e a memoria compartida entre Galicia e América.
Nesta edición, e da man do Consulado arxentino, o público poderá gozar dun espectáculo musical único a cargo dos grupos A Porteña Gotan e Vigo Candombe, que presentarán un proxecto artístico en homenaxe a Gardel e ao seu legado.
O concerto seguirá ás intervencións institucionais que abrirán o acto protocolario da Hispanidade, ofrecendo un viaxe evocador aos anos dourados gardelianos, con cancións, relatos e anécdotas sobre a súa vida, a súa lenda e a súa visita a Vigo no ano 1923.
Unha cita cultural que promete emocionar e lembrar o espírito universal de Gardel, símbolo eterno da unión entre Galicia e América.

