Baiona celebra o décimo aniversario da declaración da Arribada como festa de interese turístico internacional
O Concello de Baiona conmemora este venres, 14 de novembro, o 10º aniversario da declaración da Festa da Arribada como Festa de Interese Turístico Internacional, cun acto que se celebrará ás 19:00 horas na Capitanía Marítima.
O evento contará cunha mesa redonda na que participarán representantes das institucións públicas de Baiona, Turismo Rías Baixas, persoal funcionario, asociacións, empresarios e veciños, todos eles protagonistas do desenvolvemento e consolidación da Arribada ao longo dos anos.
Desde o Concello destacan que esta cita pretende recoñecer o traballo colectivo que fixo posible que a celebración baionesa se convertese nun dos referentes culturais e turísticos de Galicia, e reafirmar o compromiso de seguir impulsando o seu futuro.
