Baiona

Baiona celebra a VII edición do Día das Vilas Mariñeiras con música, tradición e irmandade atlántica

Este sábado, 10 de maio, Baiona converteuse na anfitrioa da VII edición do Día das Vilas Mariñeiras, unha celebración que reúne a seis localidades do norte de España: Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña. O evento, promovido pola Asociación Vilas Mariñeiras, ten como obxectivo poñer en valor os recursos turísticos, culturais e gastronómicos destas vilas, así como reforzar a súa identidade común. 

As actividades comezaron ás 11:30 horas cun pasarrúas que partiu do Porto Pesqueiro e rematou na Praza do Concello. Neste desfile participaron grupos folclóricos de todas as vilas, incluído o “Grupo Ardelume Baíña, Grupo de Integración”, en representación de Baiona. 

Durante a xornada, os grupos ofreceron actuacións de 15 minutos nas principais prazas da vila, permitindo ao público gozar de todas elas sen solapamentos. Este formato dinámico buscou fomentar a participación e o intercambio cultural entre as comunidades participantes. 

Baiona, que xa organizara a primeira edición deste evento en 2014, reafirma así o seu compromiso coa promoción dun turismo sostible e a valorización do seu patrimonio mariñeiro.