Baiona, ao borde da seca: o embalse só guarda un 34% da súa auga
Baiona mira con preocupación ao ceo. O embalse que abastece o municipio está xa nun dramático 34% da súa capacidade, unha cifra alarmante que cae 12 puntos respecto ao ano pasado e que incluso empeora os rexistros do 2017, coñecido como o ano da gran seca en Galicia.
A Oficina Técnica da Seca decidiu manter para Baiona medidas equivalentes a un escenario de prealerta, aínda que sen chegar a declaralo oficialmente. A decisión chega tras constatarse un desplome continuado dos caudais dos ríos desde xullo, marcado pola ausencia de chuvias, a evaporación da auga polas altas temperaturas e o aumento da poboación no verán.
A situación nos outros encoros do sistema tampouco mellora: Zamáns só retén un 58% e Eiras baixa ao 59%, todos eles por debaixo dos niveis do ano pasado.
Mentres tanto, a Xunta pide á veciñanza de Baiona extremar o aforro de auga: evitar encher piscinas, reducir regos e baldeos municipais e aplicar boas prácticas no fogar como ducharse en vez de bañarse ou pechar a billa cando non se usa.
As previsións de Meteogalicia non traen boas novas: non se esperan chuvias abundantes nin a finais de setembro nin a principios de outubro, polo que o risco de que Baiona entre oficialmente en prealerta por escaseza moderada está cada vez máis preto.
