Baiona acollerá un dos talleres do programa educativo “Capitán Mareas” para promover o consumo de produto do mar entre o alumnado
A vila mariñeira de Baiona será unha das protagonistas do programa educativo “Capitán Mareas”, impulsado pola compañía galega Vegalsa-Eroski en colaboración coa Consellería do Mar e diversas confrarías e GALP de Galicia e Asturias. O obxectivo da iniciativa é fomentar o consumo de peixe e marisco entre o alumnado e poñer en valor a actividade pesqueira local, achegando ás novas xeracións ao traballo diario do mar.
O taller celebrarase nas vindeiras semanas na lonxa de Baiona, onde estudantes de educación primaria visitarán as instalacións, coñecerán de primeira man a labor das mariscadoras e mariñeiros da zona, descubrirán as artes de pesca tradicionais e asistirán a unha subasta en directo. A actividade contará tamén coa presenza do patrón maior da Confraría de Pescadores de Baiona, quen explicará a importancia do relevo xeracional e da conservación dos recursos mariños.
Ademais da parte divulgativa, o alumnado elaborará unha receita saudable con peixe de tempada, guiado polos chefs do restaurante ‘A Artesa da Moza Crecha’, co obxectivo de aprender hábitos alimentarios equilibrados e valorar os produtos do mar como parte esencial da dieta atlántica.
A directora de Sostibilidade e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, destacou que este tipo de programas permiten “achegar o mar á mocidade e sensibilizar sobre a importancia de consumir produto local, fresco e de calidade, recoñecendo o traballo das persoas que fan posible que chegue ás nosas casas”.
Este taller en Baiona forma parte dunha ruta educativa que percorrerá ata finais de maio outras lonxas como as de Burela, Laxe, Ferrol, Ribeira, Sada, Fisterra ou Puerto de Vega, levando o mar á escola e formando os consumidores do futuro.
O programa “Capitán Mareas” conta co apoio dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) e busca consolidarse como unha ferramenta de educación alimentaria, sostible e mariñeira ao longo do territorio galego e asturiano.