Baiona

Baiona acolle unha exposición de máis de 100 maquetas navais na antiga comandancia marítima

Este mércores 30 de abril tivo lugar a inauguración da exposición de modelismo naval no edificio da antiga Comandancia marítima de Baiona, organizada polo Concello de Baiona en colaboración coa Asociación Galega de Modelismo Naval (AMONAGA).

A mostra reúne máis de cen maquetas de embarcacións que abranguen desde as tradicionais das rías galegas ata iconas da navegación como os vapores tipo Vigo, o Hidria, o Rías Baixas, o barco farero do porto de Vigo, a fragata Venus ou as tres carabelas do descubrimento de América. Unha proposta que convida a mergullarse no mar a través da historia e da minuciosidade artesanal.

Ao acto de apertura asistiron o alcalde Jesús Vázquez Almuiña, o concelleiro do Mar Joaquín López, membros da corporación municipal, o capitán marítimo de Vigo Manuel Ángel García, o comandante naval de Vigo Antonio Couce e o presidente de AMONAGA, José Antonio Álvarez, entre outras autoridades.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 15 de maio, en horario de 10:30 a 13:00 e de 16:30 a 19:00 horas.