Baiona

Baiona acolle un intercambio educativo nacional con docentes de Aragón no IES Primeiro de Marzo

O municipio de Baiona convértese estes días nun punto de encontro do profesorado grazas a unha iniciativa que pon en valor as boas prácticas do sistema educativo galego. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, recibiu hoxe a un grupo de docentes aragoneses que visitan o IES Primeiro de Marzo no marco do programa Observa_Acción.

Durante a súa estadía, tres profesores do Instituto Cabañas, en La Almunia de Doña Godina, están a coñecer de primeira man iniciativas clave do sistema educativo galego, con especial atención á innovación pedagóxica e ás estratexias de atención á diversidade.

Un dos aspectos máis destacados da visita foi o papel activo do alumnado do centro baionés, que exerceu de anfitrión amosando proxectos como o Club de Ciencias e o Club de Lectura, este último integrado na biblioteca escolar. Pola súa banda, o departamento de Orientación explicou as medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para garantir unha educación inclusiva.

Este intercambio terá continuidade en abril, cando seis docentes do centro galego se desprazarán a Zaragoza para completar a segunda fase do programa. A iniciativa forma parte de Galemundo, que este curso facilita a mobilidade de máis de 8.300 estudantes e profesores en distintos países mediante convocatorias de axudas.