Baiona acolle o acto provincial do Día da Hispanidade coa presenza do presidente da Deputación e o alcalde Jesús Vázquez Almuíña
Baiona acolleu hoxe o acto principal do Día da Hispanidade na provincia de Pontevedra, unha conmemoración celebrada ao pé do monumento do Encontro entre Dous Mundos, símbolo da chegada da Carabela Pinta coas novas do descubrimento de América.
O evento estivo presidido polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quen estivo acompañado polo alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, así como pola cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Silvana Isabel, e diversas autoridades civís, militares e diplomáticas. Entre os asistentes tamén se atopaban o alcalde de Nigrán, Juan González, as portavoces do Partido Popular en Nigrán e Gondomar, María José Pino e Paula Bouzós, respectivamente, así como representantes da Garda Civil, membros do corpo consular e veciños da comarca.
A cerimonia serviu para lembrar o 533.º aniversario do Descubrimento de América e para render homenaxe ao artista Carlos Gardel, coincidindo co noventa aniversario do seu falecemento. O acto puxo de relevo os lazos históricos, culturais e afectivos que unen a Galicia e os países hispanoamericanos.
Durante a súa intervención, o presidente provincial Luis López salientou o valor da cultura como “a maior riqueza compartida entre a comunidade hispanoamericana”, destacando que o Día da Hispanidade é unha oportunidade para poñer o foco “no que nos une e non no que nos separa”.
“A partir desta histórica data, a humanidade comeza a atopar na mestura de acentos, no comercio exterior e no intercambio de culturas unha nova forma de entender o mundo. Un mundo no que ás veces un pode sentirse anfitrión e outras visitante, pero nunca forasteiro”, sinalou López, quen citou a Rosalía de Castro e Carlos Gardel para exemplificar esa irmandade entre Galicia e América.
O mandatario engadiu que “a morriña é a mesma para un pontevedrés emigrado en México que para un arxentino que vive na Rúa Bos Aires de calquera concello desta provincia” e lembrou que “cando o pan escasea nunha casa, o veciño sempre ten aberta a súa porta, aínda que haxa que cruzar un océano”.
O presidente concluíu a súa intervención convidando a estreitar os lazos entre España, Galicia e América, subliñando que “temos por diante moitos anos máis para seguir sendo exemplo de concordia e amizade entre nacións, e para presumir con orgullo da irmandade que une a ambos continentes”.
