Baiona abre un proceso participativo para debuxar un modelo económico máis xusto e ligado ao territorio
O Concello de Baiona pon en marcha un proceso estratéxico para definir unha folla de ruta que impulse un modelo económico máis xusto, resiliente e vencellado ao territorio, situando as persoas no centro. O obxectivo é avanzar cara a unha economía que xere emprego digno, fortaleza o tecido local e aproveite os recursos propios do municipio desde unha perspectiva sostible e inclusiva.
Este Plan de Economía Social enmárcase nun proxecto impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Migración, orientado a apoiar aos concellos galegos na definición de estratexias locais neste ámbito. Para o seu desenvolvemento, o Concello conta co acompañamento técnico de Larega, que aplicará unha metodoloxía baseada na análise territorial, na participación social e no aliñamento coas principais estratexias galegas, estatais e europeas.
O proceso entra agora nunha fase clave coa celebración dunha xornada participativa aberta á veciñanza e aos axentes económicos e sociais de Baiona. Trátase dun espazo de escoita activa e diálogo colectivo no que se identificarán necesidades, retos e oportunidades, ao tempo que se poñen en valor fortalezas como a actividade mariñeira, o turismo sostible, o comercio de proximidade, o patrimonio cultural e o dinamismo asociativo.
Desde o Concello subliñan a importancia da implicación da comunidade para construír, de maneira compartida, un futuro económico máis equilibrado, cohesionado e adaptado á realidade de Baiona.
