Baiona

Baiona abre o debate sobre a privatización do servizo de recollida do lixo

O Concello de Baiona prevé encargar este ano un estudo técnico para avaliar a viabilidade da externalización do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos (RSU) e limpeza viaria, co obxectivo de “optimizar recursos” e avanzar na contención do gasto municipal, segundo avanzou o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.

A situación do servizo, que actualmente funciona con persoal propio —seis operarios e un capataz— e sen maquinaria moderna, obriga ao Concello a recorrer con frecuencia a empresas externas para reforzos puntuais, sobre todo no verán ou durante eventos como a Festa da Arribada. Ademais da recollida municipal, existen contratos específicos para o quinto contedor (residuos orgánicos) e limpezas extraordinarias.

En palabras do rexedor, trátase de estudar “todas as tarefas vinculadas á limpeza para buscar a mellor solución posible”.

A cuestión non é nova no debate político local. En 2020, sendo Carlos de la Peña concelleiro de Recursos Humanos e Facenda co goberno socialista, xa se expoñía a posibilidade de privatizar o servizo, que consideraba “obsoleto e colapsado”. Daquela, o PP criticaba duramente esa opción, acusando ao goberno de ter “afán privatizador”. Agora, co PP na alcaldía e co PSOE e BNG na oposición, o escenario político reverteuse: os grupos que anteriormente defendían esa opción —como PSOE e BNG— aínda non fixeron pública a súa postura actual.

A previsión é que o estudo técnico analice o custo de modernizar o servizo con medios propios fronte a unha eventual concesión a longo prazo. “Unha vez teñamos os datos, abriremos o debate”, sinalan desde o goberno local.

Baiona é hoxe un dos poucos concellos da provincia que mantén este servizo en réxime integramente público.