Avelaíña recibe unha axuda de 2.000 euros do Concello de Gondomar para promover a saúde mental a través do deporte
O Concello de Gondomar acaba de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Avelaíña co obxectivo de impulsar o deporte como ferramenta de benestar emocional e mellora da saúde mental. O acordo foi rubricado polo alcalde, Paco Ferreira, e pola presidenta da entidade, Neves Piñeiro, e inclúe unha achega municipal de 2.000 euros destinada ao programa “Fisicamente activo, mentalmente saudable no Val Miñor”.
Esta iniciativa aposta por fomentar hábitos de vida saudable entre persoas con enfermidade mental, promovendo o exercicio físico como complemento esencial ao tratamento terapéutico e favorecendo unha mellor calidade de vida. Ademais, o proxecto procura reducir o risco de obesidade asociada ao sedentarismo e aos efectos secundarios dalgúns tratamentos farmacolóxicos.
Durante o ano 2025, 30 usuarios participaron nas actividades propostas, organizadas en grupos segundo criterios clínicos e funcionais para garantir unha práctica adaptada e segura. O programa inclúe sesións de natación, ximnasio, ciclismo, sendeirismo e obradoiros de alimentación equilibrada, entre outras accións que combinan actividade física e educación para a saúde.
Con esta colaboración, o Concello reafirma o seu apoio ás entidades sociais do municipio e ao labor que desenvolven en favor da inclusión e o coidado da saúde mental na comarca.
