Tomiño

As socialistas de Tomiño votan en contra duns orzamentos que cualifican de continuístas e pouco ambiciosos

ONo pleno do día 12, o grupo municipal socialista votou en contra dos orzamentos do Goberno nacionalista de Tomiño, aos que cualifica de continuístas e pouco ambiciosos. As socialistas criticaron que o executivo dera por aprobadas as contas nunha nota de prensa antes de remitilas á oposición, evidenciando máis interese en saír nos medios que en debatelas na Corporación.

A voceira socialista cuestionou que se presenten como “históricos” uns orzamentos que medran basicamente pola maior recadación derivada do crecemento económico e da inflación, e non por unha mellor xestión. Tamén denunciou que o capítulo de investimentos apenas aumenta respecto ao ano anterior, mesmo incluíndo subvencións de Agader e da Xunta, e cualificou de demagóxico falar dunha aposta polas parroquias con só 150.000 euros para 15 parroquias.

Plans como o de camiños (30.000 €), saneamento (60.000 €) ou parques (15.000 €) foron considerados insuficientes. En transferencias correntes, advertiu de que o crédito inicial baixa, poñendo en dúbida o suposto esforzo en políticas sociais, culturais e deportivas. Tamén criticou que se destinen 0 euros a vivenda e alertou do risco de perder investimentos con fondos externos, como a senda do río Pego, por mala xestión.