As Rías Baixas coróanse como o mellor destino de praia por riba de Gran Canaria, Cabo de Gata e a Costa Daurada, segundo National Geographic
A provincia de Pontevedra impúxose a outros catro destinos finalistas grazas ao voto do público, que valorou a súa paisaxe, tranquilidade e gastronomía mariñeira
As Rías Baixas foron recoñecidas como o mellor destino de praia de España nos Premios dos Lectores da revista Viajes National Geographic, impoñéndose a outros catro finalistas: Cabo de Gata (Almería), Costa Daurada (Tarragona), Gran Canaria e a Costa Occidental de Cantabria. O galardón foi outorgado tras unha votación en liña realizada entre xaneiro e febreiro deste ano.
A prestixiosa publicación destaca que “as Rías Baixas están situadas na costa noroeste de Galicia, son un destino de augas tranquilas, illas pequenas e vilas pesqueiras, rodeadas dunha fermosa paisaxe verde”. Ademais, subliña que “nestes paraxes respírase un ambiente tranquilo que invita a gozar do mar, da terra e da deliciosa gastronomía galega”.
Este novo recoñecemento confirma o tirón turístico do litoral pontevedrés e reforza o atractivo das súas praias, que combinan beleza natural, patrimonio mariñeiro e unha forte identidade cultural e gastronómica. A peculiar configuración do litoral das Rías Baixas, con praias veciñas ás bateas e vistas privilexiadas ás vilas mariñeiras, dálle unha personalidade única ao destino.
A presidenta da Deputación, organismo que promove o turismo baixo a marca Rías Baixas, celebrou o premio como “unha mostra de que o traballo continuo pola calidade e sustentabilidade turística da provincia ten recompensa, non só en cifras, senón tamén no recoñecemento do público”.
Cómpre lembrar que Pontevedra é a segunda provincia de España con máis distintivos de bandeira azul, cun total de 61 en 2024, só por detrás de Alacante, consolidando así a súa posición como líder en calidade ambiental, servizos e seguridade nas praias.