GondomarNigranOia

As Comunidades de Montes de Mougás e Viladesuso, xunto a SOS Groba, Turonio e o IEM, convocan unha manifestación en defensa da Serra da Groba

Representantes das Comunidades de Montes en Man Común de Viladesuso e Mougás, xunto co Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e as plataformas SOS Groba e Turonio, presentaron este mércores nunha rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación cidadá en defensa da Serra da Groba fronte á ameaza da instalación de proxectos industriais eólicos no seu territorio.

O encontro tivo lugar no local do IEM e contou tamén coa presenza de representantes das comunidades de montes de Sabarís, Belesar e Borreiros, que amosaron o seu apoio á mobilización.

Durante a rolda de prensa informouse tamén da campaña de recollida de alegacións contra os proxectos eólicos. Ata o momento rexistráronse máis de 1.500 escritos, que supoñen arredor de 70.000 alegacións. As entidades convocantes lembraron que o prazo para presentar alegacións remata o mércores 18 de marzo, polo que animan á cidadanía a seguir participando e a tramitar o escrito tamén de maneira online.

A manifestación terá lugar este domingo 15 de marzo ás 11:00 horas. O punto de encontro será no Alto da Mata (pk 10 da estrada EP-2202 Baiona–Loureza) e rematará no Alto da Groba (pk 11,5 da mesma estrada).

Desde as organizacións convocantes fan un chamamento á participación da cidadanía e convidan tamén ás corporacións municipais da comarca, así como á alcaldesa de Oia e aos alcaldes de Baiona e Gondomar, a sumarse á mobilización.

A protesta está convocada polas Comunidades de Montes de Mougás e Viladesuso, as plataformas SOS Groba e Turonio, o Instituto de Estudos Miñoráns, Salvemos Monteferro e Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, que reclaman a paralización dos proxectos eólicos previstos na Serra da Groba.