OiaTomiño

As agrupacións socialistas do Baixo Miño promoven unha iniciativa conxunta para mellorar o transporte público na comarca

O PSdeG-PSOE do Baixo Miño puxo en marcha unha iniciativa política conxunta coa que busca mellorar o transporte público na comarca e garantir conexións dignas cos principais destinos de traballo, estudo e sanidade.

O obxectivo é dar resposta ás múltiples dificultades denunciadas pola veciñanza e reclamar á Xunta de Galicia unha planificación máis axustada ás necesidades reais da poboación.

Como primeira fase, os socialistas difundirán unha enquisa cidadá para recoller información de primeira man sobre o estado actual do servizo: conexións cos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, frecuencias de autobús, horarios, prezos e accesibilidade. Os resultados serán analizados e darán lugar a un informe que servirá de base ás accións políticas posteriores.

As agrupacións socialistas do Baixo Miño lembran que a iniciativa chega nun momento decisivo, tras a rescisión por parte da Xunta de varias concesións de autobús no sur da provincia de Pontevedra, consideradas insuficientes. Nese sentido, reclaman que o novo proceso de licitación incorpore as necesidades reais da comarca e evite repetir erros de planificación.

A formación socialista anima á cidadanía a participar activamente na enquisa, dispoñible en liña durante todo o mes de outubro, a través dun código QR e ligazóns que serán difundidas polas canles oficiais das agrupacións.