Nigran

Arte para Mauri reúne a solidariedade da arte galega para apoiar a un neno de Nigrán

A galería Apo’strophe.arte acollerá dende o 19 de novembro a exposición “Arte para Mauri”, unha iniciativa solidaria que reúne a 45 artistas galegos e internacionais co obxectivo de apoiar a loita do pequeno Mauri, un neno de Nigrán afectado pola enfermidade de Alexander, unha patoloxía xenética ultrarara que dana o sistema nervioso central.

Todos os fondos recadados coa venda das obras destinaranse integramente á investigación científica para avanzar na procura dunha cura. A mostra poderá visitarse ata o 23 de novembro, cando se celebrará o peche cunha sesión vermut aberta ao público entre as 12:00 e as 15:00 horas.

Na exposición participan nomes recoñecidos da arte galega contemporánea como Lula Goce, muralista baionesa de proxección internacional, ademais de artistas como Bosco Caride, Nuria Figueiredo, Fran Remiseiro, Miguel Vidal, Eva Díez, Silverio Rivas ou Rocío Bueno, entre moitos outros.

“Arte para Mauri” é, máis ca unha exposición, unha mensaxe de esperanza e unión. Detrás de cada peza hai un compromiso humano: o de converter a creatividade nun instrumento de axuda e visibilidade fronte a unha enfermidade que afecta a moi poucos nenos no mundo, pero que require un esforzo científico e social extraordinario.

A organización destaca o apoio recibido de Cervezas Banda, Kopenacamos e Massini, así como a implicación dos propios artistas, que cederon as súas obras de maneira altruísta. O evento promete ser unha das citas culturais máis emotivas do mes en Vigo e na área do Val Miñor.

Screenshot